Un texto de Rubén Paz
No transcorrer desta terceira semana de xuño cúmprese o 83 aniversario dun fito de cativa transcendencia práctica, ocultado ou menosprezado pola historiografía oficial (o historiador galego Justo Beramendi cualificouno de mera anécdota). Porén estamos ante un fito histórico cunha indubidable carga simbólica.
Fagamos un pouco de memoria… Situámonos no mes de abril do ano 1931. Naquel momento, o marco político do Estado viña determinado pola recentemente rematada “dictablanda” do xeneral Dámaso Berenguer, nomeado presidente do goberno polo rei Alfonso XIII trala dimisión do xeneral Miguel Primo de Rivera, e pola proclamación o 14 de abril de 1931 da II República española. Neste escenario convulso, na Galiza tomaban corpo diferentes movementos que buscaban afianzar a posición do país dentro da recentemente constituída república. Así, o 18 de abril a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) convocou unha asemblea para debater a formación dun gran partido nacional galego e levar ás Cortes o proxecto de constitución dun Estado galego. Dita Asemblea celebrouse o 4 de xuño na Coruña baixo presidencia de Antón Alonso Ríos e os acordos da mesma incluían: a igualdade de dereitos políticos entre home e muller, a definición de quen é galego ou galega así como a condición dos cidadáns españois na Galiza e afírmase a Galiza como Estado autónomo dentro da República española. Estes acordos constituíron un importante paso adiante por parte do galeguismo, porén atoparíanse cunha morea de atrancos por mor da resistencia centralista imperante na república e das propias tensións internas dentro da ORGA, onde convivían sectores con claras aspiracións nacionais para Galiza con outros máis preocupados por medrar dentro da recentemente estreada república.

Protesto de operarios
Descrita a situación que envolvía eses anos, a cronoloxía dos feitos que derivaron na proclamación da República galega foron os seguintes:
Un día antes da celebración da asemblea do ORGA na Coruña, acórdase polo goberno central a paralización das obras do camiño de ferro no tramo Zamora-Ourense-A Coruña así como tramos na vía entre Ferrol e Xixón. Como resposta a tal medida organízase en Galiza unha ampla fronte social e política asentada en dous alicerces principais: o movemento obreiro, por unha banda, xa que a medida afectaba a 12.000 traballadores e, pola outra, o movemento galeguista por considerar dita decisión unha aldraxe contra Galiza. Neses días sucédense as asembleas e as folgas até que no día 23 de xuño o Consello de Ministros, por iniciativa do Ministro de Facenda Indalecio Prieto, adopta a decisión de suspender definitivamente as obras por consideralas non rendibles. As reaccións en Galiza non se fan agardar. O 25 de xuño, en Ourense, concéntrase unha marea de xente diante do Goberno civil para dirixirse posteriormente ao Concello onde izan a bandeira galega entre iscas á República galega. O 26 de xuño, na mesma cidade de Ourense, após unha asemblea á que acudiron representacións de 26 asociacións e organizacións de todo o país, un grupo de manifestantes asalta o Goberno civil e racha a bandeira tricolor izando a bandeira galega entre berros de isca Galiza ceibe. Neste clima de sublevación o goberno central republicano mobiliza tropas nas zonas máis quentes como Seabra, Ourense e O Carballiño baixo a ameaza de declaración do estado de guerra. O 27 de xuño en Compostela dáse un paso máis na escalada de tensión e, após un grande mitin na Alameda, os asistentes trasládanse á Casa do concello onde se iza a bandeira galega ao tempo que se proclama a República galega. Acto seguido dimiten todas as autoridades locais e pídeselle a Antón Alonso Ríos que, de forma provisional, asuma a presidencia da Xunta revolucionaria de Galiza. O mesmo día en Pobra de Sanabria, as protestas acadan un ton similar, izándose na Casa do concello a bandeira galega e pedindo a anexión a Galiza, entre outras demandas.
Mentres todo isto acontecía, as comunicacións co goberno de Madrid eran constantes até que finalmente o goberno cede, comprometéndose a reiniciar as obras suspendidas. Este acordo supúxolle á causa pola República galega a perda dun dos alicerces que mantiñan a sublevación: o movemento obreiro. Sostida só polo movemento galeguista, a República galega perde forza ante a falla de apoios no resto de concellos e comarcas do país e acaba por desactivarse finalmente.
Botando a mirada atrás, varias poderían ser as razóns que explicasen tanto a proclamación como a efémera duración da República Galega:
1) A presión exercida polo movemento obreiro. A suspensión definitiva das obras afecta directamente a 12.000 obreiros, indirectamente a uns miles máis de persoas. Son as bases do PCE, UXT en Ourense e CNT en Compostela as que comezan por canalizar este desacougo baixo a forma de loita obreira.
2) O apoio da pequena burguesía galeguista, da que destacan figuras como Antón Alonso Ríos, personaxe tan silenciada case como a República galega, que foi mestre, escritor, galeguista, político, activista agrario e protagonista da chamada Odisea de Afranio de Amaral, que ben merece un artigo adicado en exclusiva a súa vida. Cómpre destacar tamén a figura de Pedro Couceiro, da Sociedade Nacionalista Pondal ou de personalidades como Eduardo Puente Carracedo, alcumado O Nécoras, pola tasca que rexentaba na rúa Hortas de Compostela, definido coma anarquista, bohemio e anticlerical, chegou a pasear cun burro pola praza do Obradoiro e acadou moito predicamento entre o pobo.
3) A implicación da clase política local das vilas e cidades afectadas. Os concellos, cámaras de comercio de Ourense, O Carballiño, Lalín, Verín, entre outras, toman parte en favor dos dereitos dos seus veciños.
En verbas do historiador Dionisio Pereira “a cancelación do ferrocarril é considerada coma unha aldraxe polo pobo galego chegando á reacción da cidadanía a declaración unilateral da República galega”. Carlos Calvo engade que “os sucesos acontecidos veñen a demostrar que Galiza é un territorio diferenciado cunha historia de seu, escrita principalmente por labregos e obreiros”.
En resumo, poderiamos dicir que o pobo galego, con motivo da suspensión das obras do camiño de ferro, toma consciencia da súa situación de periférica marxinalidade económica, política e social ao respecto do centralismo capitalista español, situación que hoxe en día se mantén en plena vixencia.

