Palabras para un dia de foliada

No día da constitución do Ateneu Popular Galego de Girona

Após un mes das Letras, queríamos acadar un compromiso có que desexabamos. Ben que non sempre é posibel acadar a unión entre o que se desexa e a realidade que un ten, aquí e máis acolá, no país que sabe sucidarse, que dicía Lois Pereiro.

Cómpre dicilo xa, en Galiza temos industrializado o suicídio. Como iso xa o sabemos facer con habelencia, cómpre des-suicidarse. Xaora, acó é onde moramos!. Estamos na emigración, non temos sombra, hai que sair ao sol aínda que nos queimemos.

Non é que vaiamos a amañar os problemas do Principat, xa que no próprio non podemos, ou non nos deixan, arranxar problema algún, algunha cousa haberá que facer aquí para non nos aburrir. Por exemplo, emerxendo coma recurso extratéxico que afortale a nosa identidade na era global. Temos consciencia os galegos que a nosa cultura ten presenza e valor no mundo ? Acho que non. Non deberíamos estar dispostos a pasar por outra cousa, como as pedras. Queremos ser actores.

Daí o nome da asociación que hoxe bota andar co nome de Aquén Nós, Ateneu Popular Galego de Girona.

Aquén significa da parte de acá, máis acó, sob, por baixo. Aquén non debería significar retraimento no tópico, pode e deberá ser unha saída, un achegarse ao outro que nos acolle. Non podería ser doutro xeito. Terá de ser unha fiestra que nos tire por un intre dos tobos para reencontrarnos nas prazas e nas rúas. Aquén, si se olla ao redor, Catalunya e o mundo. Nós, os galegos e galegas, si para dentro Galiza.

Vimos de algures, dun país que nos cingue con sombras e con luzes e se cadra por iso deberemos ter aberto o ánimo e a disposición por achar unha saída que vaia da realidade máis próxima, da contorna que nos acubilla, até o nós que procuramos ser.

Para ver e para vérmonos reflectidos, e nese círculo, trazar unha aperta – que como sabedes é o termo que damos en galego ao abrazo especialmente efusivo- para acoller e para sermos acollidos.

Aquén Nós é compañía e consciència de sermos e sabermos nós neste “aquén” que es diu Catalunya. Qué hai de nós en Girona? Qué Girona hai para nós?

Esculcarmos o sentido de pertenza a dúas culturas e ao mundo, por que nós somos á vez emigrantes, fillos de emigrantes e con fillos emigrados. A Catalunya, Galícia. Aquén Nós. Ese ha ser o vieiro de irmandade que deberemos aprender a percorrer xuntos.

Como quería Luís Seoane, tamén nós queremos desenvolver a nosa acción por todos os medios posíbeis. Queremos acordar a conciencia galega en calquera recanto de Girona, e non só entre os galegos. E hoxe as raíñas son a internet e a web 2.0 , as redes sociais que fan parte da cotidianidade das famílias, é dicir, que nos obrigan a atender non só a curisosidade individual senón aos grupos (na rede social Twitter a língua galega está no posto 22º e a 37º de xeito global )incorporándonos como entidade de seu.

Nos poderiamos agora inventar unha nova teoría para nos reunir neste proxecto- ainda que todos temos claro porque abandonamos Galiza e os países peninsulares dos amigos e amigas que hoxe nos acompañan- e citar os mitos e textos da Galiza Emigrante que nos alenten no intento. Todos e todas podemos facer de Aquén Nós unha irmandade que nos permita o reencontro co idioma e coa realidade galega nun intre de sombras e de luzes para o benestar, os dereitos sociais e para as culturas que queren ser.

A ACGB (Asemblea Cultural Galega de Barcelona, a FIA (Foliada intercultural aberta) e Aquén Nós conciden en dous conceptos que irmanan as súas propostas. Coinciden no tempo e no modelo de intervención que desexan para a comunidade galega estabelecida en Catalunya.

O inconformismo, a capacidade de impulsar dinámicas e a autoxestión semellan eixos nos que queren/queremos deixar a nosa pegada sobre a sociedade que nos arrodea. Sen esquecer o inmediato, é dicir a enxurrada de recurtes e ataques á rede pública de ensino e sanidade, e ao submetimento dos intereses das persoas aos dos mercados financeiros.

Semella que a Foliada de Girona serviu para abrir un camiño, aquel que nunca se debe desandar, e que se enceta desde a vontade de nos convertir nun modelo externo á homoxeneización e aos convencionalilsmos tipificados polas comunidades galegas do exterior directamente fundadas no folclore, no tipismo, e porén nos desprestixio que iso conleva.

Nós non somos os outros, nin as outras. Nós somos a razón e porén a alegría. Somos o país para alén da orixe. Alí onde esteamos, sempre nós, máis galegos ca nunca.

Aquí fica esta arela. Para aprendermos a ver cos próprios ollos e a dicir o que os ollos ven.

Grazas a todas e a todos

AQUÉN NÓS. Ateneu Popular Galego de Girona

Girona, 17 de xuño de 2012

Deixa un comentari

L'adreça electrònica no es publicarà. Els camps necessaris estan marcats amb *