A cita era o sábado 29 de marzo ás 23:30 na sala Tourmix coa banda galega Triángulo de Amor Bizarro co gallo da xira de presentación do seu terceiro álbum “Victoria Mística”. Chegamos cuns minutos de antelación sobre a hora fixada, aínda sabendo que os concertos rara vez comezan puntuais. Sala pequena, mais non sufocante grazas a uns teitos de altura considerable máis a que non eramos máis de 50 persoas, o que permitiu espazo de sobra para se mover, bailar… Todo indicaba que sería un concerto para gozar e saborear, deses nos que sentes o alento, a suor, a rabia dos músicos. Pola contra, a elección da música de Radiohead como antesala do espectáculo pareceume desafortunada xa que contribuíu a instalar unha sensación de frialdade da que custou desfacerse.
Con case media hora de atraso aparecen enriba do escenario os compoñentes da banda. O comentario da baixista “ya está bien de Radiohead” presaxiaba a ruptura total de son que se albiscaba. Efectivamente así foi. O que Triángulo de Amor Bizarro propón enriba dun escenario é unha descarga directa de rabia, adrenalina, ira; todo iso acompañado por muros de guitarras e distorsión non exento dunha preocupación maior polas melodías máis pop con respecto aos seus inicios. Non pararei a facer unha relación das cancións interpretadas, soamente en canto ao concerto en si, falaría dunha primeira parte na que a frialdade seguía instalada no ambiente, nin sequera o seu himno brincador “El himno de la bala”, que veu como segundo tema do repertorio, fixo que a xente se liberase de ataduras e postureos varios. Superada esta primeira fase de toma de contacto, o ambiente frío comezou a esvaecerse cando a baixista colleu a voz para interpretar tres temas seguidos: “De la monarquía a la criptocracia”, “Estrellas místicas”, “El fantasma de la transición”; temas intercalados con chamadas a brincar, berrar, bailar. Neste punto o concerto finalmente despegou aínda que o que escribe estas liñas xa levaba un bo pedazo brincando e facendo contorsións co pescozo. Gustaríame destacar que no tema “Robo tu tiempo” contaron coa colaboración do saxo do seu técnico de son. Esta variante dános unha pista sobre o perfil máis experimental e innovador da banda. Nestas encarabamos a parte final da actuación, que deron por pechada co tema “¿Quiénes son los curanderos?”, outro dos temas máis clásicos e rabiosos da banda, tema que por desgraza está máis de actualidade ca nunca nos tempos que corren. Ao cabo dunha hora, o concerto finaliza coa sensación de que non sobrou nada, mais de que si faltaron cousas. Faltaron máis cancións, a súa discografía dá para moito máis dunha hora de actuación e, por riba, cando un goza, é egoísta e sempre quere máis. Faltou que volveran para un bis, aínda que neste punto puido influír o pouco empuxe por parte dos asistentes.

En definitiva, concerto eficaz da banda que deixou os seus seguidores satisfeitos, mais carente dunha maior comuñón banda-audiencia. Como colofón deste artigo, quixera subliñar que neste ano 2014 TAB fai 10 anos enriba dos escenarios. O balance destes 10 anos é que estamos ante unha banda que constitúe a punta de lanza da escena pop-rock, indie, alternativa (escollan a etiqueta que máis lles guste) tanto galega como española e que, a pesar de acadar recoñecemento e madurez, atópanse nun estado de evolución constante que nos deparará nos vindeiros anos máis e mellores momentos de rabia.