Aquén Nós. Ateneu Galego de Girona (Catalunya): «Gustaríame que o galego se visibilizase máis na prensa e que o que digo en galego fose transmitido nesta lingua»
Desde a entidade Aquén Nós. Ateneu Galego de Girona (Catalunya), queremos facer pública a seguinte
Declaración
Queremos transmitir publicamente que nos gustaría que o galego se visibilizase máis na prensa e que, polo tanto, que a información que transmitimos en galego mediante notas, declaracións, conferencias, actos, entrevistas, etc., fose reflectida e difundida nos medios de comunicación do país na lingua en que foi xerada, isto é, en galego.
Deste xeito queremos contribuír a que o galego teña máis visibilidade nos medios de comunicación e que estes o empreguen, cando menos, para reflectir as declaracións feitas nesta lingua, para informar dos actos desenvolvidos en galego, para crear información a partir de notas e comunicados redactados no noso idioma propio, etc.
Na actualidade hai moitas máis persoas e entidades que comunicamos con frecuencia en lingua galega do que a imaxe lingüística dos medios transmite, polo que consideramos que é importante que a prensa amose esa realidade, que o noso idioma non quede así agochado e que teña presenza pública.
Por isto, pedímoslles e agradecémoslles a todos os medios galegos que teñan en conta esta vontade e que, cando publiquen ou difundan informacións a partir de declaracións, entrevistas, comunicados, conferencias, actos, etc., da nosa entidade que se desenvolveron en galego, esa información, ademais de ser obxectiva e rigorosa, se reflicta en lingua galega.
27 de Marzo de 2014