A vida de Borges revisitada

Roberto Alifano debullou a traxectoria literaria e vital de Borges a través do anecdotario persoal

Baixo o título «Borges, unha experiencia vivencial» o Ateneu galego de Girona “Aquén Nós” trouxo pola cidade a Roberto Alifano, o que fora secretario persoal de Borges e coñecedor de persoeiros galegos de Bos Aires como Luis Seoane, Lorenzo Varela ou Arturo Cuadrado.

A conferencia de Roberto Alifano traduciuse nun diálogo entre ele propio e o público asistente. Da man do conductor do acto, Gabriel Beceiro, apareceron nomes como Pessoa ou Samuel Beckett, que Roberto Alifano soubo ubicar na traxectoria literaria e vital de Borges a través do anecdotario persoal. Entre o público xurdiron cuestións relacionadas coa visión teolóxica do autor arxentino mais tamén coas influencias recibidas por parte doutros literatos e doutras culturas. Alifano, bo conversador e persoa de amplo percorrido vital tamén, meteu o público no peto con diferentes referencias á súa amizade con Borges e co entorno persoal do mesmo. Alí comezaron a sair nomes da altura literaria de Alejo Carpentier, Ernesto Sábato ou Pablo Neruda, cos que Alifano tivo un fondo contacto persoal.

Na conversa, tirando do ronsel das influencias, Gabriel Beceiro enxergou un xoven Borges cheiño de arelas por ver publicado o texto  «Ejecución de tres palabras» ( integrado despois en «Inquisiciones») en  El Pueblo Gallego (27 de xaneiro de 1924, páxina 25),   xunto a treitos de Rubén Darío e Rafael Dieste. Imaxinou un Borges  ansioso por publicar  nun «lugar remoto» que na altura levedaba a primeira tradución nunha língua peninsular de fragmentos do Ulises de Joyce (o escritor irlandés tivo recoñecida influencia na obra de Borges).  Beceiro lembrou que esas pegadas de Borges compartindo as angueiras vangardistas do seu amigo Francisco Luis Bernárdez e Amado Villar tamén servian para  revisitarmos o obturador  prexuizo asociado aos tópicos folclorizantes e ás migracións masivas que leva a esquecer que na Galiza dos anos vinte houbo un espazo vizoso no que abrollou universalidade e lle serviu de porta de entrada na península. Unha transmisión e recepción da cultura galega que hogano aínda costa recoñecer e valorar en non poucas xeografías.

Cómpre destacar tamén o apartado do humor, fío condutor de moitas das historias persoais que pantexou Roberto Alifano e que presentaron un Borges accesible, humano e cheo de humildade.

De agradecer foron os recitados que fixo o conferenciante, cando entonou versos de Neruda, Pessoa, e do propio Borges.

Desde Aquén Nós, o noso recoñecemento á familia Alifano por nos brindar esta oportunidade, e polo agarimo mostrado cara a comunidade galega na Arxentina e nas Comarcas de Girona. Unha boa asistencia de público para un acto sen precedentes na vida cultural da cidade.

2 thoughts on “A vida de Borges revisitada”

  1. Una charla espléndida!
    Gracias «Aquen Nos» por darnos la oportunidad de contar con Roberto Alifano que nos acercó al Borges no sólo literario sinó más íntimo y personal.

Deixa un comentari

L'adreça electrònica no es publicarà. Els camps necessaris estan marcats amb *