Sempre en Galiza ou na procura da plenitude. Evocación de Castelao

Texto de Gabriel Beceiro para a Homenaxe a  organizada polo  o 1 de febreiro de 2015 na Praça Castelao,en Horta, Barcelona

A evocación que hoxe partillo convosco é un exercizo de inquedanza, porque lle debo a Castelao o primeiro mestrado, unha hospitalidade que poucas veces achei nalgures. Pola primeira vez, había quen se facía preguntas no meu idioma, sentíame na casa.

A universidade aprendeume a Aristóteles en castelán, por suposto, e as innúmeras lecturas para saber se deberiamos traducir a physis e a ousia gregas como a natura e a substancia latinas. Antes, tamén, Sócrates transvestido de Platón e a súa xeometría do desexo. E foron pasando moitos, entre eles, Ortega y Gasset, mádia leva! Mas foi fora das palestras e dos programas, nos arrabaldes do ensino oficial e dos traballos universitarios que descubrin a figura radical de Castelao.

Por qué tanto atordoamento retórico, escolástico e fenomenolóxico con Ortega y Gasset e nunca nada sobre Castelao, Rosalía ou Viqueira? Por qué só “La España invertebrada” de Ortega e non máis ben a Galiza vertebrada que Castelao foi quen de nos propor no medio da barbarie como se fose un sismógrafo existencial?

Castelao era un demócrata, mentres que Ortega, rematada a guerra, decidiu que quen mellor defendía os seus intereses era o bando franquista. Castelao finou no exilio; Ortega, que se pensaba a si mesmo como a verdade, cala durante a guerra e acaba postulándose para o servizo de propaganda franquista alternando socialmente co rexime. Onde Castelao propón vertebrar o estado repartindo soberanía, Ortega di non á fragmentación da soberania (sob a fórmula “unidad en la diversidad”, a empresa milenaria e a crítica aos particularismos paralisantes desa “unidad diversa” e único idioma), inspirando a chamada “transición” e o “café para todos”, o que acabou sendo, en acaída prognose do de Rianxo a latencia dunha violencia orixinaria, un “comigo ou contra min”; ou a Constitución e este Estatuto, ou o franquismo. Logo viñeron os acordos UCD-PSOE e o duopolio PP-PSOE que lles serviu a todos para iren esquecendo o federalismo e para que nada fora negociado coa cidadanía.

A vixencia do mestrado de Castelao alicerza tanto no biográfico como no programático. Unha visión que acadaría a súa cimeira no exilio, nomeadamente desenvolvendo o “ideal de liberdade” e democratización de Villar Ponte (1921) que combine a liberdade do individuo coa da nación.Para dicilo con verbas de Peña Novo(1921):”todo ideal nacionalista, mais que o sentir ancestral dunha Tradición ou dunha Historia, ten de ser un principio enxebremente renovado transformador e evolucionista; quen lle queira dar un sendo de conservadurismo nas tradicións e nos costumes será un tradicionalista, pero non un nacionalista[…] Quer dicer, o nacionalismo tiña de ser instrumento de democracia e, en por iso, estar ao servizo das potencialidades da persoa para alén da súa identidade de orixe.

Xustamente porque na obra gráfica e nos cadriños, nas novelas e no ensaio, a emancipación non se conquista rompendo os vincallos ou pairando na sabotaxe negativa que nada achega á xente, mas tirando partido deles, argallando novas formas de resistencia; pasando dunha dependencia baseada na coerción a unha interdependencia na que é posibel facer valer a própria escolla con dignidade. Certo é que este plantexamento relacional no que ten de colaborativo exixe do outro (Castela, España, republicanos españois e Europa) unha mesma responsabilidade á hora de debullar a confusión de lugares comúns na que están atrapados. Conscente diso o percurso psicobiográfico e fenomenolóxico de Castelao supera o “arredor de si” para proxectarse (dono de seu) ao mundo.2

O xenio de Castelao agroma asín amosándonos que existe outra Galiza do desexo, e dese percurso de transformación persoal emerxe a idea de transformar democráticamente a nación, o estado español e Europa.Nese alvo hai unha loita principal emancipatoria , un suxeito político excluido pola ideoloxía dominante. Castelao mostra esa perspectiva da situación inmediatamente anterior ao golpe de estado fascista e á Guerra Civil; a emigración primeiro e o exilio mostrarán a verdade da situación perante os que quixeron deturpala.3

Cómo pode ser que unha das personalidades fundamentais da historia contemporánea de Galiza- pouco ou nada coñecida e recoñecida na España actual, como ben lembran  Pilar García Negro ou Luis García Soto- se debruce entre o fascínio pola persoa, o da icona dos lentes redondos e o chapeu, e unha obra que leva a un rexeitamento ou a unha defensa estremecida?4

Cómo pode ser que quen sendo peza clave do Estatuto de Autonomía aprovado en plebiscito o 28 de xuño do 36 – acadando “estado parlamentario” nas Cortes da República celebradas en Montserrat en febreiro do 38- que logo lle permitiu a Galiza acadar o recoñecemento de nacionalidade histórica, sexa sistemáticamente ignorado e arrombado aos nimbos polos autonomistas, a universidae e os medios?

Como sabedes, Castelao non foi o único que ficou fora do ensino oficial autonomista e da imprensa orgánica. A primeira, porén, foi a lingua galega. O nome do nacionalista e republicano galego, pensador político, cuxa vida se extinguiu no exilio foi adquirindo unha auréola que pasou a facer parte da preguiza interpretativa do presente, do estereotipo dun país que teima en non ser enxergado, comprendido e explicado. O ostracismo ao que é submetido é a de quen segue a incomodar agora o autonomismo como antes incomodou a realpolitik española. A mesma que teima en non defrontar o seu pasado con todas as súas consecuencias. Nunha Transición e democracia orteganas, Castelao incomoda.

Incomoda porque Castelao non plantexa a hexemonía dunha particularidade. Pola contra, é símbolo do que hai de segregación  na suposta universalidade do estado español e de europa. A voz dos excluidos  que non fan parte das clases dominantes.

Con certeza, a figura de Castelao atravesa as portas fechadas, debrúzase sobre o presente cando as luces todas apagaran. A impostura do tempo non o esgota. Pola contra, amosa a súa inesgotabel polifonía de razóns. Non é a súa a figura que sobrevive. como simples fantasma, á agónica desaparición da galeguidade. É, perante todo, quen recolle, custodia e anticipa esa galeguidade. O Castelao que aquí evocamos está perseguido polo actual. A forza inspiradora do de Rianxo, propias do relevo granítico do Románico, dun relato gañado á pedra como o sorriso de Daniel no Pórtico da Gloria, deriva da simpatía. Por iso resulta poderoso, porque a súa simpatía alicerza na raiceira máis fonda e distante. A que non clausura nen camufla. De aí a imposibilidade de fixalo e imobilizalo. A súa obra tende ao sublime porque provoca unha inflexión na historia nacional excedéndoa, pulando alén do fatalismo.5

Os derradeiros anos son prova suficiente para comprobarmos que o sistema tén unha tendencia intrínseca a ir a pior, a deturpar as súas propias premisas, e as promesas de reparto de poder, federalización, liberdade e defensa dos dereitos civís, nomeadamente os dereitos lingüísticos. Por iso o que propoño e revisitar o seu pensamento. O que permite reivindicalo como un valedor das  clases populares, labregos, mariñeiros, mulleres e crianzas.Nese sentido, Castelao fornece exemplos a eito, mais reteñamos o que no seu discurso hai de alternativo, o que abre a posibilidade do diferente fronte o posibilismo da esquerda liberal e do autonomismo esteblecido.

Malia os tempos que lle tocaron vivir (desterro, guerra civil e exilio) as virtudes da obra e pensamento de Castelao son a modulación e o siso, a diferencia do coñecemento académico que tende a traducirse nun menoscabo da actualidade e a diferencia tamén do opinador que tende a entronizar a anécdota fugaz, en detrimento das referencias substanciais. O legado de Alfonso Daniel Rodriguez Castelao pertence a unha mesma práctica de re-velación que non dubidariamos en chamar de lingüística e ecolóxica. É o espazo da palabra, perfectamente definida e nídia na súa desesperación-porque a palabra pode ser deturpada, falsificada como a moeda, tornarse fiduciaria e escritural-. Un territorio o da palabra que acha no Sempre en Galiza un exercicio expresivo de dicer as cousas mesmas, chamalas polo nome.

A obra de Castelao pode ser caracterizada como un círculo concéntrico que se desdobra, a partir de un ponto central, que localizamos no conceito de Galiza como diferencia, traendo a tona cada vez novos elementos, dispondoos e tensionandoos de variadas formas e discursos, do ensaístico ao gráfico.

Sob o ollar das suas palabras todo se transforma como tornándose pan fermentado con levedura. Castelao é mestre, aínda que un mestre que se nega a ser considerado como tal: aquel que non manda porque é lévedo. Un convite permanente a reflexionar, cogitar, analisar, razonar…aquí e agora, nas raiceiras do pudor, na hipocresía e na irracionalidade co que actua o poder realmente existente na Galiza, na Hespaña e na Europa. Non é por acaso que a función do pensador sexa densenmascarar as quimeras, todas as quimeras. De aí os intentos por obturar o pensamento político de quen proxectou levar a Galiza a unha existencia plena – no horizonte de federalización do estado republicano- desde unha acción política pacífica mas decididamente deconstructora da violencia orixinaria dende a incorporación á coroa española polos Reis Católicos, os sumetimentos militares e á anulación política baixo un ordenamento xurídico-político estatal que na práctica asoballou dende o institucional ao social a maioría da poboación galega. Agora que proliferan os acenos de ver quen capitalizao malestar diante de políticas que deixan a camadas enteiras de poboación sen traballo, nomeadamente a xente nova (que mais unha vez procura a saída da emgración), abrindo fendas de desigualdade que para os galegos e galegas non son inéditas. No tempo que lle tocou viver, Castelao mostra o relevo da politica para que a depredación económica non o asulague todo até acabar por devorar tamén a democracia e a nación. Na altura, moitos galegos albiscaron a posibilidade de sentírense representados como galegos de nación.

A nosa evocación de Castelao tén como foco principal a definición de Galiza encanto exercício que vai de brazo dado da profanación dos lugares comúns, dun estatuto xurídico político improfanábel como tarefa política. Castelao ten un obxetivo preciso no traballo político, ético e estético: acordar do soño. A súa grande inovación metodolóxica atinxe transversalmente a súa obra, do traballo do Sempre en Galiza até a obra gráfica. Con iso, pretendemos nos opor a todas as tentativas de ler a obra de Castelao de forma departamentalizada.

O pensamento serodio, se se quer póstumo, de quen fora polifacético e sobranceiro deputado da Frente Popular e da resistencia antifascista e o exilio republicano, debulla o tempo presente porque tamén na altura nadou contracorrente, procurando nutrir o presente e o futuro con esa saiba do pasado sempre presente, desandando o andado para debullar o que queda por facer. E esa angueira, o ter Galiza como exercicio supuxo a obertura dun horizonte de desobediencia malia a desigual correlación de forzas. Porque intempestiva foi a xénese do Sempre en Galiza, escrito dende a maior das distancias. A distancia do exilio que soubo virar na maior das proximidades a través dun fondo coñecemento antropolóxico e histórico da sociedade galega, de cultura xurídico-política, e da realpolitik do estado español.6

Acho que é o carácter intempestivo que fai de Castelao un home póstumo que continua a interpelar con afouteza o presente cando nos preguntamos,por exemplo, como é que afecta hoxe a crise aos movementos de emancipación das nacións sen estado e aos pobos cuxa loita por xustiza social apoiamos. Ao cabo, o Sempre en Galiza non é outra cousa que a demostración analítica de como a privación de capacidade política dentro da acción política estatal non deixaría de ser unha “cousa menor” se non se atallaban os efectos lesivos para os intereses económicos, sociais e culturais das poboacións. que mesmo ameazaban a súa própria existencia sob o ditado do multiculturarismo, que viría confirmar a hipótese que este multiculturalismo despolitizado do presente é “precisamente, a ideoloxia do actual capitalismo global, para dicilo en expresión de Slavoj Zizek.

A crónica do Sempre postula o paso da subordinación á colaboración, evoluindo a unha defensa crítica da Republica se a feitura democrática non abranxia a “división de soberanía”. Cando o de Nunca Máis, foi un xeito de protesta non só contra o trato de Compostela e de Madrid, mas contra a situación xeral, antes ben de que a crise tiver data oficial de nacemento.Unha situación de insubordinación social contra a democracia liberal española que rachou moitos estereotipos xa que viña alicerzado na cooperación. A identidade non é portanto unha esencia de seu do individuo, mas un convite a enxergar a indentidade como algo relacional e colaborativo. Castelao avanza unha ben interesante e cecais máis útil noción de identidade – en liña co que hoxe é conceptuado no estudos transculturais- en termos de procesos en curso de «construción» e «negociación». Contrariamente ao modelo antropolóxico en vigor, cómpre reler a súa proposta como un convite a enxergar a indentidade como algo relacional e colaborativo. Galiza debe mudarse a si mesma. Nese alvo, as culturas non poden mais que ser desconstruídas e reconstruídas como as persoas procuran as súas identidades. Velaí a necesidade de revisarmos tamén para actualizado o concepto de soberanía. Quen manda aquí? Todos os poderes menos o pobo que é disque de onde emanan todos os poderes segundo a Constitución.

Nese vieiro, o que Sempre en Galiza nos propón, como crónica da transformación de Galiza nun suxeito xurídico-político, para alén do concepto de Galiza-nación na historia e da súa proxección futura, para alén do estatuto de autonomía no cadro dunha república española e do fulcral alvo do europeísmo, debúllase unha idea de autogoberno trazando un ben interesante paralelismo entre transformación do individuo e nación, xa que continua a nos impulsionar a xunguirmos biografia, experiencia e existencia do individuo modulando a idea de nación de Renan até desencializala porque “existencia dunha nación é un plebiscito de todos os días, como a existencia do individuo é unha afirmación perenne da vida».7

Con Castelao, unha de duas: “ou negamos o caraiter nacional da nosa Terra ou temos que defender os seus dereitos”.

1 Gracia J. José Ortega y Gasset. Penguin Random House Grupo Editorial España; 2014. 624 p.
2O europeismo atravesa o pensamento político do grupo Nös
3Sempre en Galiza, p.55,p.296”Nós oferecemos a nosa mellor vontade para crear, cos demáis povos da Península, un novo Estado hespañol, auténticamente democrático e afincado nas realidades nacionaes”. A Unión Ibérica sempre estivo no alvo:”Somos ardidos defensores da unión ou alianza ibérica, porque no fondo insobornabel da nosa alma bule o anceio de achernos a Portugal e de confundirnos con él; pero primeiro arelamos dar remate feliz â nosa obra de pacto de “Galeuzca”
4José Ignacio Lacasta Zabalza ,”El «derecho de autodeterminación» en la cultura jurídico-política española”Derecho entre economía, política y cultura / coord. por Roberto Bergalli, Dario Melossi, 1997, p. 133-150. “Se suele decir que tópicamente en España, con excepciones como el krausismo y Ortega y Gasset, no hay históricamente una filosofía política y social consistente.[…] Sempre en Galiza de Castelao constituye, en cambio y sin discusión, un ejercício hermosísimo y contundente de cultura jurídico-política; es una obra maestra”
5García-Negro, MªPilar: “Os álbumes de guerra de Castelao: Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937), Milicianos (1938), no contexto da súa obra”. En Murguia.Revista Galega de Historia. “Referímonos supra a unha perigosa metonimia: o descoñecemento de Castelao conleva o da Galiza, e viceversa”

6Desterro, introducción escrita en Badaxoz(1935); libro I, escrito en plena guerra civil entre València e Barcelona(1937); e no exilio, o libro II (Nova Iorque e buque “Arxentina”,1940), o libro III (Buenos Aires, 1943)e o libro IV ( a bordo do paquebote “Campana”,194
7Como se viu despois no proceso de tramitación parlamentaria do Estatuto, onde todo foron atrancos.No artigo “A nosa xeración” (El Pueblo Gallego,1936) Castelao advertia que non había motivos para a euforia porque ainda había moito por conseguir no camiño da emancipación de Galiza

Deixa un comentari

L'adreça electrònica no es publicarà. Els camps necessaris estan marcats amb *